Busca, busca e encontrarás. Ou
furga, furga polas veas abertas das páxinas web, que che descubrirán o que
nunca imaxinaches. A verdade é que cando hai tempo e te dedicas a fochicar pola
Internet, atópaste con agradables sorpresas (ou non tan agradables). O que me
aconteceu hai uns días buscando algo sobre Baños de Molgas. A descrición tan só
che amosaba unhas poucas palabras, coma se fora un título, e aínda para máis
aquel, mal escritas. E cada vez que me aparecen novas relacionadas co
balneario, non vou máis alá do título porque sei que están relacionadas coa
asistencia a tomar as augas termais de tal ou cal personaxe coñecido,
importante ou famoso. Sei que desas augas radiactivas, bicarbonatadas, sódicas,
silicatadas y oligometálicas (aí é nada!), e desde que o mundo é mundo, beberon
xa persoas de todos os rangos e condicións; desde xente ben ata probes
labregos, desde políticos ata empresarios, desde xente da farándula ata xente
eclesiástica. Por iso “pasaba” un pouco de abrir esas noticias. Só me dicían
que chegaba ó balneario tal eminencia ou que regresaba ó seu traballo cal
duquesa.
Pero non sei por que, déuseme por
abrir unha nova na que me chamaron a atención estas palabras: “llegó basta nosotros ayer tarde: en Baños
de Molgas (Orense), donde se bailaba sometido a cura de aguas, falleció...”
e estoutras: “...cinco de la mañana. Será
traído en automóvil desde Baños do Molgas. La Federación Gallega de Atletismo
ruega a los atletas...”. Como non explicaba moito, quixen saber realmente
quen era ese falecido. Abrín entón a información. “O cadáver de D. Martín
Echegaray chegará a Vigo, hoxe, domingo, 19 de xullo de 1931, ás cinco da mañá”.
Isto era o que se pode chamar o encabezamento da noticia. Despois xa aparecía
unha extensa reportaxe sobre o personaxe, incluída a súa necrolóxica.
Cando lin algo de que creara, con
outros socios, a Compañía de Tranvías Eléctricos (alá pola primeira década de
1900), xa optei por seguir furgando algo máis para pescudar, para verificar
quen era realmente este señor que se dignou poñer os pés no meu Baños de Molgas
e que os medios xornalísticos lle dedicaban un bo espazo nas súas páxinas.
Este señor, neses anos, é certo que
non era un calquera. Así, sen pensalo dúas veces e a maiores de gran
empresario, era político, filántropo e membro da RAG, a Real Academia Galega.
Martín Echegaray Olañeta nacera en
Freixeiro (Vigo) o 28 de outubro de 1866. En Galicia, e tamén desde que o mundo
é mundo, unha das saídas existentes para acadar algo nesta vida era, é e, por
desgraza, seguirá sendo a emigración. Lembrade: o galego non pide, emigra. Nos
tempos de agora adoitamos emigrar por Europa adiante; antigamente era buscar as
Américas. Martín Echegaray marchou a Bos Aires con tan só 13 anos. Dille hoxe a
un rapaz que se busque a vida desa maneira… xa se perde no primeiro cruce de
camiños co que se atope.
Ó outro lado do charco empezou como
dependente de comercio e co tempo amosou unha gran fortuna con negocios de
navegación e comercio transoceánico. En 1906 puxo en marcha un proxecto de
navegación de grandes trasatlánticos entre Europa e o Río da Prata. Compaxinou
certas actividades coa diáspora galega, sempre grande e importante, na capital
arxentina.
Volveu a España o 13 de maio de 1906
para instalarse en Xixón e catro anos máis trade en Vigo. Crea os citados tranvías
e figura como o primeiro presidente da compañía. Logo, así coma quen non quere
a cousa, mercou a illa de Toralla, que está a uns 200 metros da praia do Vao en
Vigo (ó saber disto, acordeime do capitán Jonathan Clark (Gregory Peck) que
quixo mercar Alaska no filme “O mundo nas súas mans”). E isto da adquisición
dunha illa naqueles tempos foi o que me fixo exclamar que este home merecía un
recoñecemento pola miña parte, este Testemuñas. Non calquera pode mercar toda
unha illa e vir pasar uns días a Baños de Molgas!
Martín Echegaray Olañeta casou con
Inocencia García Iglesias e tivo sete fillos. O seu falecemento ós 64 anos
evitou asistir ós reveses que levou a súa familia a partir de 1936, a partir da
Guerra Civil, xa que o seu fillo Segundo Echegaray García foi asasinado polos
falanxistas en setembro de 1936. Cinco fillos máis, xunto coa nai, tiveron que
exiliarse á Arxentina. E outro máis, que era pintor, refuxiouse en Francia. Tiñan
que pagar o seu republicanismo e a masonería do pai. Pagárono con sangue, suor
e bágoas.
O noso protagonista fora concelleiro
en Vigo en 1922 e presidente do Centro Republicano vigués, así como membro da
Loxa Masónica Vicus nº 8. Na súa cidade quedou para a posteridade como un home
cun sentido da sociabilidade, da sinxeleza sempre espontánea, de magnanimidade
silenciosa e de gran corazón. Mais este, o corazón, falloulle nun lugar ó que
fora precisamente “a curarse en saúde”. Foi soterrado no cemiterio de Pereiró,
aínda que máis tarde os seus restos trasladáronse a Bos Aires, onde descansan
nun panteón familiar.
Café Paraxe da Farixa, Ourense.
Luns, 28 de agosto de 2017
Publicado en
La Región o venres,01-09-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario