martes, 19 de septiembre de 2017

MARAÑADA MUSICAL



            Que marabilla! A música de Charles Mingus. Ritmo nesta noite que xa empeza a ser fresca. O verán empeza a darlle paso ó inverno. Si, porque, por aquí, tanto a primavera como o outono aparecen pouco, climatoloxicamente falando. Pasamos do moito ó pouco, ou viceversa. De corenta graos a dez. De doce a trinta e oito.

De Manolo Escobar a Charles Mingus. Hoxe toca o jazz de Charles Mingus. Non, de Manolo Escobar nunca porei un álbum completo; do músico de jazz, si. De Manolo Escobar non me importa escoitar algúns. A proba é que teño a música no móbil tan mesturada que podo choutar de Camilo Sesto a Mozart, de Jerry Goldsmith á Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, de Vangelis a Justin Bieber, de Bisbal a Blues do País. O tanto por cento máis grande está nas bandas sonoras, pero non me importa escoitar un ou dous temas de ópera ou de zarzuela ou folclórica.
O que boto de menos son as músicas de Discópolis e de Cuando los Elefantes Sueñan con la Música, ambos programas de Radio 3. Do primeiro consigo escoitar media hora á saída do traballo. Do segundo, de cando teño que ir traballar á viña, que me pillan de camiño pouco máis de vinte minutos. A música amansa. Charles Mingus non digamos.

            Finca Fierro. Martes, 19 de setembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario