Dúas
tardes seguidas sulfatando non dan para moitas alegrías, pero aínda
así, cando volviamos para a casa a segunda tarde, a do 3 de agosto,
díxenlle á muller que me deixase ante o parque da Solaina da
Valenzá, porque ás nove da noite actuaban alí ISGA Collective.
Como non os coñecía de nada e como me imaxinaba algo así como
música roqueira (quizais polo nome do grupo), pensei que pouco
aguantaría e que axiña trataría de que a miña canseira se
estomballase no sofá da casa vendo unha película. O meu espírito
non estaba para festas. Non obstante, foi oír a primeira canción
e... quieto parado!; isto semella que empezan a ser palabras maiores.
Aquilo non era rock. Aquilo semellaba música seria, moi seria e moi
ben feita.
E
tan pronto como vin no grupo a dous compoñentes coñecidos (Isaac
Garabatos e David Outumuro), souben ó instante que alí había moito
material e moi bo. Porque a eses dous artistiñas xa os vira actuar
con Xardín Desordenado, ós que, como non, lles fixera unha
reportaxe no mes de novembro, vai xa para un ano. Despois aínda os
vería outra vez máis, o que demostra a súa categoría.
Pois
ben, eses dous compoñentes ou artistiñas participaban tamén neste
ISGA Collective, que nos descobre unha música das máis atractivas e
orixinais da escena galega. Aínda que semellan temas de corte
intimista, sorprenden pola súa vitalidade e frescura, amosando unha
Galicia que vai máis alá do típico folclore, unha Galicia moderna
e bastante actual, chea de jazz, de post rock, minimalista ou incluso
oriental.
O
grupo ISGA Collective formouno o propio Isaac Garabatos polos anos
2004-2005 cando, por encargo da compañía Druída Danza (na que
habitualmente traballa de compositor) lle pediron algo con aderezos
galegos. Como quen non quere a cousa, compuxo “A Redeira”, na que
conxuga a súa música absolutamente contemporánea coas cantigas de
Martín Códax do século XIII. As críticas foron tan boas que non
lles quedou outra que dar a coñecer o seu traballo polos escenarios
de medio mundo; desde Liverpool a Múnich e de Edimburgo a Frankfurt.
Entre uns e outros lugares estranxeiros metíanse polo medio
escenarios do noso país nacional e autonómico.
Axiña
lle meteron o dente ó seu segundo álbum, “Etheria”, un traballo
se cabe máis orgánico que o anterior e onde seguen coa súa
investigación na mestura de diferentes correntes musicais e dándolle
tal sabor galego que confirma ó grupo como unha nova e fermosa xoia
da nova música galega. Por certo, a maiores dos sete músicos de
ISGA Collective, aportaron o seu talento na gravación deste disco a
violinista e cantante Patricia Moon, o pianista Xavier Bertolo, a
chelista Susana Blanco e o técnico de son Tino Álvarez.
O
día que ISaac GArabatos me mandou unhas letras para esta reportaxe,
fíxoo de tal maneira que captei o nome do grupo, o de ISGA. Ah, que
pillo! Falar aquí dos sete compoñentes sería o conto de nunca
acabar e o espazo, xa se ve, é o que é. Por exemplo, vénseme de
súpeto á cabeza a cantante Mónica de Nut, e creo que ela soa
enchería moi perfectamente outro Testemuñas (que todo pode ser);
pola súa voz tan portentosa que ese día, na Valenzá, deixoume máis
que abraiado. Canta ópera, jazz, música experimental e participa en
montaxes operísticas e teatrais. Nunha ópera actúa con Luís
Tosar.
Cecilia
Martínez toca o violín. Naceu en Ourense no 1981, pero desde moi
cativa tivo que marchar para Vigo. Profesora do Corpo de Educación
Secundaria na especialidade de música desde o ano 2008 e profesora
de artes escénicas na especialidade de linguaxe musical desde este
2017. Participou como instrumentista en agrupacións como Druadán e
Roi Casal, así como formacións de pop e rock como Portrait e
MCarballo Band e en formacións clásicas como a Orquesta Clásica de
Vigo.
Jesús
Andrés Tejada participa no grupo coa guitarra eléctrica e o
ukelele. Deseñador gráfico, músico e videocreador. Pasou polos
grupos Patricia Moon, Los Deuteronistas, Los Suizos, Gloomy House,
Indo Palo, Lassa, etc.
Jean
Marc van Loo toca o baixo eléctrico, instrumento que manexa desde os
16 anos. Naceu en Holanda pero vive en Vigo desde 1999. Ten 44 anos e
a súa formación musical foi autodidacta ata que realizou un curso
intensivo dun ano nos Ánxeles.
Lorena
Freijeiro é a que lle dá á gaita e ás frautas. Tamén de Vigo.
Titulada superior na especialidade de instrumentos de música
tradicional e popular galega polo Conservatorio de Vigo. Empezou a
súa andaina musical en 1990 na Escola de Gaitas de Coruxo (Vigo).
Recibiu clases de gaita do gran Carlos Núñez. Chegou a colaborar
con Rosa López, Rosa Cedrón e Hevia. Profesora do Conservatorio
Profesional de Ourense. E tocou con The Chieftains e o propio Carlos
Núñez. Palabras maiores.
Deixo
fóra (querendo e por falta de espazo) a Garabatos e David Outumuro
porque deles xa falara na citada reportaxe sobre Xardín Desordenado.
Así é que remato: ISGA Collective, do mellorciño que teño
escoitado en anos.
Café
O Chicote da Valenzá. Martes, 19 de setembro de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 22-09-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario