Todo o
mundo abraiado, pasmado polo que pasa en Cataluña, mentres eu si que me atopo
completamente asombrado e alucinado polo que aconteceu coa nave Cassini. Botou
20 anos navegando por eses mundos perdidos, ata que o día 15 lle chegou a súa
hora, desintegrándose coma un meteoro na atmosfera do planeta Saturno. Tal como
o pensei, así llo dixen á miña muller nun momentiño no que estabamos
descansando do traballo na viña: “non me importaría esnafrarme con ela, con tal
de andar por ese universo infinito”. A miña muller si que alucinou, pero eu
sigo confesando, sinceramente, que daría todo un mundo, toda unha vida por ir
eses 20 anos nesa nave e ver o que ela viu, ou simplemente contemplar toda esa
inmensidade galáctica. Sempre confesei a miña admiración polo universo, pola
lúa, polas estrelas. Máis dunha vez teño dito que me gustaría ser astronauta.
Sería a felicidade personificada navegando durante 20 anos cara ó infinito… e
máis alá.
Seica
andan inspectores de traballo á caza e captura dos viticultores que contraten
xente para a vendima. Ale, eramos poucos e pariu a avoa. Primeiro, as xeadas.
Logo, a pedra. Agora, a caza de bruxas. Non entenden un carallo. Como se toman
as decisións desde despachos, non saben das tradicións dos labregos. De cando
se xuntan uns veciños para ir pola herba seca de alguén porque ameaza chuvia.
De cando se congregan uns familiares para recoller as patacas. De cando media
aldea facía parladoiro e troula esfollando no millo. E non digamos xa nas
mallas do pan; nestas xa case era toda a vila arrimando o ombreiro. Como para
empezar a preguntarlles se estaban asegurados ou non. Hai pouco axudeille a un
tío a vendimar uns 20 cestos: como para que ese tío, e por esa cantidade,
perdera unha mañá en Ourense asegurándome. Cando digo que hai moito paspán ou
moito papón solto, por algo será.
Finca
Fierro. Sábado, 16 de setembro de 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario