domingo, 24 de septiembre de 2017

PINGAS DE ALOUMIÑO


 
            Suspira o ceo molgués pingas de orballo sobre a intelixencia dun pardal que apousenta sobre a tella dun canastro. E catro andoriñas aterran sobre os fíos da luz que atravesan todo o barrio da Igrexa. Dunha casa sae un cativo cun  pantalón curto e un envurullo de trapos que fai de pelota. Cada un xoga co que pode… e co que ten. A felicidade reflicte na cara de Andresiño, O Apocadiño. Dálle á suposta pelota e corre coma un lóstrego tras dela. Dálle outra patada e os trapos estámpanse contra a fonte que está no medio e medio da aira.
Suspira a tardiña molguesa pingas de bonanza sobre unha criatura que vive e deixa vivir. Tan só a pelota de trapo, ás veces, aguanta as patadas do Apocadiño pero coa conciencia tranquila. Os propios farrapos saben da penosa vida do rapaciño. Houbo tempos nos que a vida non era tal vida. Menos mal que a mente de Andresiño atópase chea de entretementos e non vai máis alá dunha circunstancia que non alcanza a ver. Suspira o ceo molgués pingas de aloumiño sobre un cativo que lle zoupa a uns fargallos cun gran sorriso.

            Finca Fierro. Domingo, 24 de setembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario