domingo, 19 de agosto de 2018

ANIMAIS DE SANGUE QUENTE

O ser humano é animal de sangue quente. E se aínda por encima a este ou a aquel lle poñemos algunha chispa á beira, o tal sangue xa se pon a ferver. Cando fervemos facemos como as potas a presión: estouramos. Explotamos hoxe, rebentaremos mañá e estralamos desde que o mundo é mundo.
O 30 de maio de 1919 publicouse unha noticia na que, cando o veciño de Alvite, Fermín Guede, conducía un carro por las carrilleiras desa aldea de Baños de Molgas, atopouse con toda unha familia: a formada por Pascual Fariñas Prieto, a súa muller Ángela Cid e os seus fillos José Ramón e Sara. No momento de chegar estes á altura de Fermín, e por asuntos pendentes, lóxico, empezaron a saír polas súas bocas esas frases que, unha tras outra, poñen a chama que apura a ferver o sangue. Ata que este rebenta, estoura. E o estalo non se queda nas simples frases, nin tan sequera nos violentos xestos, senón que estes van moito máis alá e botamos man do que temos máis a xeito. Naqueles tempos, nunha aldea, o único e o que sempre se levaba a man eran as ferramentas de labranza. Estas, lóxico, ante tanta quentura, actuaron. E deixaron a Fermín Guede tan deslombado que o seu estado grave deixoulle marcas de por vida. Somos animais de sangue quente.

Finca Fierro. Domingo, 19 de agosto de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario