Xa teño dito máis dunha vez que os
Recunchos adoito escribilos ós venres ou ós sábados. Cando os
escribo gárdoos nun arquivo ó que lle poño a data da súa
publicación, no de hoxe, o 06-08-2018. Xa pensara na primeira frase
para falar da pasada vaga de calor, e foi xusto cando datei o arquivo
que caín na conta do día que é, polo que alá foi para a
inexistencia o futuro Recuncho sobre o inferno destes días pasados.
O día de hoxe é o 6 de agosto. Para un molgués non é un día
normal. Para un molgués é o mellor día de todo o ano. Incluso máis
que o día 8 de setembro, o día da Virxe dos Milagres, que xa é
dicir. O 6 de agosto, todos os 6 de agosto é San Salvador, o Patrón
de Baños de Molgas. O día grande da Venecia ourensá. Aí é nada.
Non obstante, o peor de todo isto, é
que, hoxe, este paisa, un servidor de vostedes, non está no día
grande de Baños de Molgas. Desde que souben que non podía estar,
recoñezo que cheguei a sentir certa inquietude. Non me imaxinaba eu
sen a miña procesión polas rúas da miña vila e sen poder levar
sobre os meus ombreiros a ese Santo que... que queredes que vos diga,
a maiores de Patrón de Baños de Molgas, era un auténtico veciño.
A súa casa pegadiña á miña. Toda unha vida. E cunha nai de
rosario diario, que, de neno, dereitiño como unha vela a pregar
polas almas do Purgatorio ou incluso ata polas dos espíritos
malignos. A miña nai era así. E o Patrón de Baños de Molgas
estaba alí, co acio das uvas colgadas da súa man e mirando para
nós.
Desde a Patria Querida, desde
Asturias, espero ó San Salvador ante a fonte da Aira de Arriba,
póñome á súa esquerda e baixo con el pola Calle. Axiña
intercambio unha das andas co veciño que a leva sobre o seu
ombreiro. Ós cachos boto unhas olladas para o Santo e vexo ese acio
de uvas que baila ó son dos nosos pasos. Percorremos a Carretera e
pásolle a anda a calquera outro veciño ou veciña. Ó mellor ata
teño sorte de apousentar de novo unha delas (ou a mesma) sobre o
meu ombro dereito. Non son de misas nin, agora mesmo, de moita
relixión, pero ó momento xa estou pensando na do ano que vén. E a
ver se na do 2019 si podo estar. Como estea, a procesión do meu San
Salvador non a perdoo. Este ano non puido ser. Pero creo que acabo de
demostrar que a realicei igual.
Finca Fierro. Venres, 3 de agosto de
2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario