lunes, 13 de agosto de 2018

O TREN DESDE O CANEIRO

De cativo había tres fincas en Baños de Molgas ás que me gustaba ir traballar porque desde elas sempre vía o tren: os dous Agros (é dicir, o Agro Pequeno e o Agro Longo) e o Caneiro. A mellor de todas era o Caneiro. Porque era a que estaba máis achegada á vía, enfronte case da aldea de Formigoso.
Cada vez que oía, alá por Froufe ou incluso máis ó lonxe, o ruído do tren ou os seus potentes asubíos, xa levantaba as costas para deixar descansar os riles e esperar o paso do cabalo de ferro. A gozada chegaba cando pasaban os trens de mercancías; con aquela infinidade de vagóns portando carbón ou coches ou o que cadrase. Tan axiña como vía á máquina xa sabía se sería o tren dos viaxeiros ou o de mercancías. Ó ver que era o de mercancías, ale, a contar os vagóns. E se me acordaba duns días para outros... pois hoxe bateron o récord con tantos vagóns, pois hoxe transportáronse máis coches que o outro día. E aquela ringleira de vagóns non acababa nunca. Ás veces había que deixar de contalos porque xa andaba a nai por detrás apurando nun para que seguira cavando ou collendo nos nabos ou segando na ferraia. Contemplar o tren desde o Caneiro era un auténtico deleite, un auténtico pracer.

Finca Fierro. Luns, 13 de agosto de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario