viernes, 17 de agosto de 2018

NON ESTAR A FERRAIA PARA GAITAS

Edenia Deliciosa Suárez sabía que non estaba a ferraia para gaitas. Sentou á entrada da aldea de Nocelo, alá por Baños de Molgas, e pensou moito na situación. Fora á feira precisamente de Molgas e roubáranlle a carteira. Agora o problema estaba en como dicirllo á súa nai. Porque a súa nai era de armas tomar. E non é que lle roubasen moitos cartos (non levaba nin tan sequera cinco euros), senón que o asunto estaba no roubo en si. Porque a súa nai axiña lle botaría en cara que, se en vez de ser cinco euros eran douscentos, o roubo sería o mesmo.
Edenia Deliciosa ollou unha e outra vez para a súa casa (que estaba xusto á volta da curva que vía ó fondo) e seguía pensando que non estaba o alcacén para gaitas. Ou a ferraia. Sorrío ante esta dualidade, pero o asunto era serio. Fixo traballar á cabeza para que lle buscase unha escusa, un algo que a desculpase. Aínda que sabía perfectamente que a súa nai non a crería. Tal era a súa nai! Xa lle podía dicir que lle puxeran unha navalla no bandullo, que a súa nai, antes de pensar, soltaríalle unha labazada. Aínda que despois a abrazase. Ante este último pensamento, ergueu e entrou na aldea de Nocelo. Non estaba a ferraia para gaitas. Pero non quedaba outra.

Finca Fierro. Venres, 17 de agosto de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario