sábado, 18 de agosto de 2018

SEMANA MOI ACCIDENTADA

A semana pasada foi moi accidentada. Este Recuncho versará entón sobre eses accidentes. Empezo co do derrube do Marisquiño en Vigo, do que xa se ten falado moito. Así é que a min tan só me queda a sentenza. Porque semella que no da culpabilidade ninguén quere cargar co arrechucho. A sentenza é moi sinxela, é a mesma de tantos e tantos asuntos nos que todos nos queremos lavar as mans... que a culpa é do chachachá.
Algo moi semellante ó acontecido no outro derrube (este xa con preto de 40 mortos), o do viaduto de Xénova, en Italia. Que tamén anda a pelota dun lado para o outro. E mentres esta non se meta na portería de alguén, algúns (é dicir, os políticos, quen se non) intentan facer boa feira coas desgrazas alleas. E así asisten ós funerais polas vítimas. Para deixarse ver. Para simular que. Menos mal que aquí, neste caso, aínda hai xente que, a pesar da dor, teñen cabeza, teñen conciencia; e a metade dos familiares das vítimas optaron por non participar neses funerais porque sabían, porque vían ás claras que era “unha pasarela” para os politiquiños de sempre.
Volvemos ó noso país para denunciar, eu tamén, a indefensión dos ciclistas ante os automobilistas. Ollo ó dato, non son ciclista e son automobilista. Isto asoma aquí porque hai un accidente con ciclistas cada dous días. Xa sei que moita xente se queixa de que o ciclista, ás veces, anda como Pedro pola súa casa. Se non erro, unha estrada é unha vía de transporte. Unha bicicleta transporta. Unha bicicleta, ás veces ou a maioría das veces, vai máis rápida que, por exemplo, un tractor. E por que este si e a bici non? Se para aquel temos que esperar a ter visibilidade para adiantar, por que non podemos esperar uns metros, uns segundos para adiantar a unha bicicleta ou a un grupo de bicicletas. Por que nós temos máis dereito que outros?
Remato con outros dous “accidentes especiais”. A Bomba Juan Carlos Navarro retírase do baloncesto. Sinceramente, penso que si é un accidente para o deporte, en xeral, e para o baloncesto, en particular. Toda unha institución. Todo un crack. O outro accidente foi mortal: Aretha Franklin, a raíña do soul. Que nos deixou á idade de 76 anos. Menos mal que quedarán para sempre as súas cancións e a súa voz. Descanse en paz.

Finca Fierro. Sábado, 18 de agosto de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario