sábado, 4 de agosto de 2018

EXCURSIÓN DA PRENSA A BAÑOS DE MOLGAS

O día 2 de agosto de 1922, é dicir, hai 96 anos, asomaba na prensa galega unha nova relacionada precisamente coa prensa, na que se informaba que os propietarios do balneario de Baños de Molgas, “os distinguidos don Samuel Movilla e D. Florencio Salgado” invitaban á Asociación da Prensa de Ourense. Cando alguén te invita, é un feo rexeitar tal invitación. Non a rexeitaron. Ás nove da mañá partiron nun gran Hispano case todos os socios e os moi notables fotógrafos Samaniego e Luis Fernández, “Xesta”. Foron, primeiro, ó santuario dos Milagres (como ten que ser), onde o presidente D. Marcelo Macías dixo misa. Ó rematar os Padres Paúles agasalláronos con diversos obxectos relixiosos e coa visita á espléndida biblioteca do convento.
Continuaron a viaxe ata Baños de Molgas, “unha ruta preciosa (é dicir, baixando polo Medo, atravesando Entreloríos e seguindo pola Pitediña), festonada por estupendos panoramas”. Ó chegar e logo dos saúdos, dedicáronse os periodistas ourensáns a percorrer a poboación, en cuxa ponte vella ou romana e nas marxes do río Arnoia, os fotógrafos fixeron, precisamente, o seu agosto.
A noticia gaba ó cultísimo médico Movilla e ó intelixente e simpático Salgado porque estes seica puxeron sobre as mesas unha comida opípara e para zugar os dedos. Seguro que moitos chuparon os dedos. Na sobremesa tocaron as típicas oratorias e a de Marcelo Macías versou, como non, sobre a importancia da prensa, “o cuarto poder do Estado”, e lembrando que, non había moitos anos, un artigo de fondo derrocara a un Goberno, e sinalou as súas evolucións a través dos anos, desde o campo soamente doutrinario da política cara á unha máis ampla esfera social.
Logo dos discursos chegou a música e por alí asomaron todas as “señoritas de renome” de Baños de Molgas para amenizar a festa durante dúas horas a base de bailes e... e o que cadrase. Despois sacáronse á fronte do balneario varias fotografías de grupos nos que figuraban “as señoritas e os expedicionarios, ós que se lles fixo unha despedida moi cariñosa”. Normal, en Baños de Molgas sempre somos moi cariñosos... ata que se demostre o contrario.

Finca Fierro. Xoves, 2 de agosto de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario