viernes, 24 de agosto de 2018

ANTE O POMBAL DO MUÍÑO DA LUZ

Son Octaviano, o fillo da Portuguesa. A miña nai non é portuguesa, pero un día no que lle berrou ó seu home de que lle trouxese a portuguesa, en referencia a unha pala de facer buracos que mercara en Portugal ó pouco de casarse, alguén do pobo xa espallou o alcume nun dicir amén. A miña nai chámase Fabiana Sandía Ruleza, A Portuguesa. A ver; non é portuguesa, pero, que queredes, os alcumes son os alcumes.
Estou sentado á beira do pombal do Muíño da Luz. Levo un bo cacho sentado porque moi preto andan no monte as miñas vacas Garbosa, Cereixa e Turina. E o burro. O burro non ten nome, aínda que ás veces lle chamo Ángel Nieto. Porque corre como corría este home das motos. A que non sabedes como lle chamo ó can? Fittipaldi. Porque tamén corre como corría o brasileiro Emerson Fittipaldi, primeiro, na escudaría Lotus e, logo, na McLaren. Na realidade, ó can chámolle Uriarte. O de Fittipaldi tan só llo digo cando poño na miña boca o nome do burro. Perdón, o meu pai chámase Pacomio Grego Cougil. Deducide logo que eu son Octaviano Grego Sandía. Aínda que son máis melón que sandía. Nada, cousas miñas. Tamén ten alcume, como non: O Sandiós. Adiviñade por que. Recosto contra o pombal e dou unha cabezada.

Finca Fierro. Venres, 24 de agosto de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario