Non é ningunha novidade dicir que a
agricultura en Galicia sempre foi maltratada e deixada da man de
Deus. Sempre. Agora
está peor ca nunca. Atácana polos catro costados. Dunha maneira ou
doutra. O caso é machucar nas cabezas dos paisanos para que empecen
a abandonar
todo. Estes días tócalles ós da Limia, onde a Confederación
Hidrográfica Miño-Sil anda detrás dos pataqueiros polos depósitos
de esterco. É dicir, que ti mercas un ou varios camións ou
tractores de esterco e tes que esparexelo xa ó día seguinte se non
queres que che busquen as cóxegas.
Así fan coas normas que
teñen para os ríos e para as fincas que lindan cos ríos, pensando
que tomando medidas os ríos baixarán
moito mellor. Cando todo o mundo sabe que o mellor remedio para a
natureza é a propia natureza.
Seguindo
cos ataques á agricultura galega, podiamos falar das explotacións
lácteas ou de cando, na viticultura, ás bodegas se lles dá por
dicir que non recollen uvas por exceso (ou sexa, porque veñen de
fóra). E os gobernantes lávanse as mans. O agricultor que siga
arando, o viticultor vendimando e o gandeiro que venda os becerros ó
mesmo prezo dos anos 70.
Finca
Fierro. Xoves, 2 de agosto de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario