jueves, 30 de marzo de 2023

A EXTREMO!

O mércores, 23 de marzo, ó erguer da cama, fixen o que máis ou menos fago todos os días: largar a tomar café para poder ler os xornais. Cando volvín á casa vin sobre o moble que temos na entrada un sobre de Correos ó meu nome. Claro que me estrañou! Porque recibir correspondencia hoxe en día é difícil. Non tardei en saber que era; tan axiña como lin o remite: Eloy Gayán. Un libro!, berrou o meu pensamento. Seguro que é o último libro que escribiu o asturiano. Era o seu último libro, “A extremo!”, e cunha dedicatoria para este servidor que escribe. Como para non emocionarse!


Agora cada quen que pense o que queira, de que as gabanzas que van a caer aquí puideran ser por ese agasallo e esa dedicatoria. Porque o libro, de tan só 150 páxinas, será gabado pola sinxela razón de que ten que ser loado. Non se pode dicir tanto e tan ben en tan poucas páxinas. Hai moito amor e moito cariño e homenaxes a esgalla en todos os temas que toca: desde a familia á amizade, desde a transhumancia ó abandono rural, desde a paisaxe ás culturas, desde a miseria da posguerra ós maquis, desde a trata dos seres humanos ata o mesmo Marcial Lafuente Estefanía.

Incluso antes de empezar a novela, cando nomea nunha das súas dedicatorias a Marcial Lafuente Estefanía, xa tiven aquel instinto de que me gustaría a historia. Creo que de todos é sabido o que significou para min e creo que para moita xente ese escritor das noveliñas do Oeste. Eloy Gayán xa me demostrara en “Un puente a Peulla” que escribía ben. Escribe moi ben. E graciñas polo agasallo, pola dedicatoria e, principalmente, pola historia.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 27 de marzo de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario