viernes, 24 de marzo de 2023

DOUS CABALOS DE BATALLA

Sigo querendo chamar a atención... boteille unha carreira ó tren. Non a un tren calquera; ó AVE. Aí está, de arroutado, un servidor. Antes prepareime a fondo. O de antes quero dicir media hora antes tan só. Realicei uns quecementos suaves. Non quería que no medio do percorrido, da carreira me entrase un entumecemento, un agarrotamento, unhas cambras.

Ó pouco de saír da estación xa lle comera eu unhas ducias de metros. Non é por gabarme, pero ó AVE cústalle máis saír que me custa a min. Eu teño un reprís maxestoso. Saín coma unha frecha, mellor aínda, coma unha chispa. Certo que no primeiro quilómetro o AVE xa me pillou, xa se puxo á miña altura. Así se puxo, nada máis, non lle dei opción a que me pasase a dianteira. Rinchei os dentes e seguín pegadiño a el; coma dous cabalos de batalla: el, o cabalo de ferro, e eu... eu o cabalo de batalla de Juan Pardo.


Debido a que o AVE tiña que parar na estación que lle correspondía (coa velocidade que eu levaba nin conseguín ler o nome de tal estación), aproveitei e, por esta vez, quiteille medio quilómetro ou algo máis. A miña velocidade semella que, en vez de diminuír, ía a máis. Era coma un lóstrego correndo, coma un foguete. Era coma cen Usaín Bolt pola meseta castelá.

Os pasaxeiros, cando se decataron do que estaba a suceder, afoutábanme e alentábanme a través das ventás e sorrían cos ollos moi abertos a causa do asombro pola miña acción, pola miña heroicidade. Porque botarlle unha carreira ó AVE non é peixe podre ou cagallón que se encamba.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 21 de marzo de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario