sábado, 25 de marzo de 2023

ENTRE ESPERPENTOS E RETRANCAS

Hai moito tempo que penso que a idiosincrasia ianqui é bastante esperpéntica. Tan ben se gaban e se dedican a usar armas automáticas de todos os estilos e tamaños (o que significa que non lles importa cometer actos de sangue), como, ó pouco, se alporizan ou se senten algo así como recatados ante certas situacións que, para nós, son normais e mesmo instrutivas. Hai uns días, a directora dun colexio de Florida tivo que dimitir porque lle ensinou a nenos de once anos esa mítica estatua de mármore, o David, que o gran Miguel Ángel esculpiu ó pouco de iniciarse o século XVI. Claro, a dimisión foi polo “trauma psíquico” que lles puido causar ós nenos o ver a un home impoñente en pelotas. A uns nenos de once anos, que xa saben eles máis co demo. As armas e o sangue contra a cultura e a arte. Estes ianquis...


Falando un pouco desa violencia que pode causar as armas, nós tampouco temos que presumir moito. Tamén nos tira máis o lado salvaxe que a arte, que a cultura. Somos moi amigos de descargar a impotencia ante o primeiro que pillemos de diante. Resulta que os médicos españois sofren unha agresión cada dez horas. Imos ós médicos coa intención de que nos alivien as dores, os males e non nos importa facerlle mal, causarlle dor a un médico ou a unha enfermeira porque tal ou cal diagnóstico non é coma nós queremos. Ó noso ego non hai quen lle respire. Pensamos que eles teñen que facer milagres, e ó ver que son seres humanos coma nós, mallamos neles. Non somos menos esperpénticos que os ianquis.


Ante estas dúas situacións... “esperpénticas”, non queda outra que botar man da nosa terriña para que a retranca domine sobre armas e maldade. E iso que sempre confesei que Galicia era o cu do mundo. Pois resulta que non, que somos os mellores en algo; en algo positivo, se entende. Que a calidade do noso seme seica é a mellor de todo o país, de toda España. Ai logo! Claro que para iso tamén sempre dixen que o carallo é o patrón de Galicia. E xa se sabe que onde hai patrón non manda mariñeiro.


O que pasa é que, despois, tampouco facemos moito uso del, do seme, do esperma, digo. Pois, segundo este mesmo periódico, as defuncións cuadriplicaron ós nacementos en Ourense durante todo o xaneiro. A ver, para que raio temos ese carallo que produce seme!!!


Finca Fierro. Sábado, 25 de marzo de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario