domingo, 26 de marzo de 2023

A PERNA ESQUERDA

Díxenlle á perna dereita que se botase a andar. Esta no dixo nada, pero tampouco fixo nada, ou sexa, que nin caso. Eu son a perna esquerda do paisa que me leva e escribe. Sempre teño que ser eu a que inicie os percorridos e, iso seguro, a que poña o pé no primeiro chanzo de todas as escaleiras que vai subir. Isto dáme a pensar se o paisa que escribe non será futbolista. Non sei; polo detalle ese de que moitos teñen as súas manías e adoitan entrar sempre ós campos cun pé ou co outro.


Como sei que o que escribe non é futbolista (gústalle ese deporte, si, moito, pero non o practica; nin porque nunca foi bo nin pola idade xa), entón tamén se me dá por pensar se non será por cousas ou asuntos políticos. Xa sabedes, dereitas, esquerdas... Como sempre teño que ser eu a que apande, a protagonista de todas as súas manías, ó mellor é que, para el, as dereitas non son boas compañeiras para as súas “andainas” políticas. Agora que, a min, segue a darme que tal paisa é máis nacionalista. Non obstante, como perna que son, non quero dar pasos do que non sei moi ben.

Eu só sei de andar... e de apandar. Nunca mellor dito; é raro que sexa eu a que cabalgue sobre a perna dereita. Máis ben é esta a que cabalga sobre min. Cando queren, tanto ela a perna dereita coma el o paisa que escribe só me teñen para o que me teñen. Mesmo para que todo o seu corpo, cando nos atopamos quietos e de pé, caia sobre min. Non é de estrañar entón que teña un calo enorme na planta do meu pé desde hai xa tantos anos que nin eu mesmo recordo. Vou marchar e, claro, serei eu, a perna esquerda, a que inicie a marcha.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 22 de marzo de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario