jueves, 23 de marzo de 2023

DESDE O PENEDO DAS ILUSIÓNS

Unha tarde de ceo gris, e coa nostalxia nun recanto da memoria, canteille unha misa de réquiem a aquel pensamento que marchou, e sentei no penedo das miñas ilusións. Alí, en pleno monte, deixei que o aire me acariñase a cara e que os fentos bambeasen os ruxerruxes... de cando tiña sentimentos. Hoxe afogo no tiroliro (ou no axóuxere) dunha canción.

Sentado contemplo a folla de carballo que cae sobre a vía do tren. Esa vía pola que, mentalmente, camiño na procura da escuridade do túnel. Ó pasalo asomará a maxestosa ponte das Cepas, á que subirá, con bastante nitidez, o ruído das augas rápidas do río Arnoia.


Deixo o penedo das ilusións e volvo pola carreira da melancolía; aquela que me levaba ó muíño do Dositeo. Eran tempos de soños e realidades, de infancia e xuventude, de risas e medos. Toda mestura é a experiencia ó que foi, ó que é e ó que será. Porque o tempo seguirá cabalgando polas ladaíñas da vida. Esas ladaíñas que ditaremos, que espallaremos aínda que non queiramos... a vida é a que marca o ritmo e as ocasións.

Camiño, agora, polo raíl da vía do tren, que é o mesmo que andar, aínda que sexa amodiño, pola vía da existencia, da nosa existencia. Esa vía que vai recta ata a fin do traxecto. Ai, na fin, ou se detén o tren ou descarrila. Mentres non chega esa fin, e como se adoita dicir: a vivir que son dous días! Outro día cantarei un réquiem polo señardade que foi.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 19 de marzo de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario