martes, 7 de marzo de 2023

O MEU ESTERCO

Mesturei tal cantidade de ras con sapos que acabei formando unha granxa de batracios. Xa sei que é fácil e moitos o fan mesturar o allo co bugallo ou o cu coas calzas, pero eu non me rebaixo a iso; eu mesturo toxos con follas e silvas para facer un estrume do carallo; moi bo para fertilizar as leiras. Mesturo, así mesmo, Fuxan os Ventos con Milladoiro e xa son os propios pés os que seguen o ritmo folk. Mesturar, ás veces, é fácil e bonito. A min gústame mesturar as fabas con patacas e verzas, e vaia caldo que sae. Gloria bendita!


Hai quen mestura tamén as bágoas coas risas e a felicidade coa pena. Isto xa custa un pouco máis. É complicado chorar se se ri, e viceversa. É complicado vivir ben cando a miseria te enterra. Pero, xa digo, son mesturas raras. Eu son máis de mesturar a Amancio Prada con Pink Floyd, por moito que semelle raro ou ridículo. Con un e cos outros gozo igual coma se fora eu o que tocase ou cantase.

Mesturei letras con espazos en branco e aí xa foi onde me soltei por completo. Non tardei en formar palabras e parágrafos e relatos, que é o meu; a mellor e a única granxa que teño. É a leira máis grande coa que conto e que fertilizo case todos os días con ideas, pareceres, sentimentos, dicires, pensamentos... esterco, moito esterco. Si, esterco, pero é o meu esterco. Mesturo a política co fútbol, a fantasía coa realidade, os soños cos pesadelos. Gardo todo iso na corte cuadriculada e nesta apodrenta, podrece para facer esterco. O meu esterco.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 2 de marzo de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario