miércoles, 22 de marzo de 2023

UN SOÑO BONITO

El preguntoulle a ela polo baixiño: sabes unha cousa? Dime, díxolle ela. El buscou as palabras con lentitude e algo de parsimonia: que teño ganas de soñarte. Ela sorriu e contestoulle cun “dálle”. El aínda seguiu algo máis: hai moito que non te soño na ducha. Sóñame onde queiras, rematou ela.


E el soñouna na ducha; coa auga baixando coma regatos polo seu lombo e deixando ver varios arcos da vella a causa do reflexo coa luz do baño. El sempre soña bonito. Ela sabe que el a soña bonito. El sorrí soñando, e ela sorrí sabendo que el a está soñando. Cando alguén quere, a vida é bonita. Cando alguén quere, a vida engloba, abranga, abarca, inclúe todo

El soña que enxaboa o corpo dela. Ela acalórase ante un futuro pensamento del de intuír o que hai máis alá dun bafo cheo de calor. El, efectivamente, mira para o espello e o bafo, o alento do devezo deixa adiviñar unha pel mollada e enxaboada. El contempla a paixón dun xogo. Ela suspira ante un tempo que semella detido, pero que en cada segundo estoura un latexo del.

El soña que seca o corpo dela, é dicir, o desexo do que puido ser. Ou do que foi. Non sempre os anhelos son ilusións prohibidas. Vale máis unha pequena ansia que todo un universo de realidades. A ansia del é unha quimera dela, unha utopía dela. Pero está aí... a ansia, o desexo, o soño del.

El dille agora que xa soñou con ela. Ela volve sorrir e afírmalle de que seguro que foi un soño bonito. Foi un soño bonito, dixo el. Seino, rematou ela. El díxolle adeus a ela. E ela mandoulle bicos a el.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 17 de marzo de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario