lunes, 13 de marzo de 2023

O RAPAZ QUE DABA PENA

O rapaz era novo. O rapaz era cándido, un miñaxoia. O rapaz daba pena. O rapaz chegou a Presqueira –unha aldea de Baños de Molgas-, alá cara finais do mes de marzo de 1959. O rapaz seica procedía doutra aldea da provincia da Coruña e semellaba que se escapara da casa. Tiña tan só 17 anos.


Como era novo, como dicía que era honrado e como non lle importaba traballar, uns veciños de Presqueira compadecéronse del e déronlle cama, sustento e, si, algo de traballo: gardar e levar a pacer as vacas polos montes comunais e polas leiras dos que o acolleron. O rapaz cumpría e axiña lle colleron cariño. Jesús semellaba máis un Jesusiño.

As feiras en Allariz celébranse o 1 e o 15 de cada mes. O 1 de abril de 1959, eses veciños de Presqueira marcharon á feira alaricana e deixando os animais a cargo do rapaz inocente, e honrado, e traballador, e obediente. Non obstante, e por se aquel, pecharon ben as portas e contras da casa.

Cando volveron da feira, o rapaz xa non era nin inocente, nin honrado, nin traballador; era un simple ladrón e fuxitivo. Cunha machada rebentara portas e ventás para ir dereito á habitación dos humanitarios e desenganados amos e pillar, debaixo do colchón, un sobre con nada menos que sete mil pesetas. Tamén colleu roupa interior e mesmo un traxe que puxo ó momento, é dicir, un ladrón elegante.

Feita a correspondente denuncia, non tardaron en detelo e condenalo a seis meses de arresto. Jesusiño, o rapaz que daba pena, non tardou en ser de novo Jesús.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 8 de marzo de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario