lunes, 27 de marzo de 2023

SENTADO NO RAÍL

Sento no raíl da vía do ferrocarril e deixo pasar o tempo. Porque o tempo pasa e todo cambia. Ou non. Simultaneamente, contemplo a estación de Baños de Molgas. Pasou o tempo e ela si cambiou. Cambiou a súa fisionomía. Si, máis nova, pero mellor a outra. Moito mellor. Polo menos para un servidor. Claro que, nisto, igual me deixo influenciar pola nostalxia; por aquel tempo no que botei man dela, de cando as miñas viaxes á capital do Imperio eran un ir e vir en pontes e vacacións.


Sentado no raíl miro tamén para os arredores, para o recinto da estación, e o tempo faise memoria e a memoria convértese en recordo: de cando quedei unha noite a cabalo do burro e do saco de millo que levaba o burro, porque non era quen de cruzar ás dez e pico a carballeira que levaba ó muíño do Dositeo. O medo é libre. A idade era pouca. O castigo da nai, da Lola (por algo, claro) era ese ir de noite pecha ó muíño. Así é que alí me botei media hora, unha hora xa non lembro facendo tempo, coma que fora ó muíño pero sen ir. Despois, a escusa... a típica: o muiñeiro non estaba, o meu corpo de neno non daba para baixar a saqueta de 50, 60 quilos de millo degrañado.


Sentado no raíl lembro aquelas tardes de domingo nas que subiamos a estación arrapañando todas as cabichas habidas e por haber para fumalas, logo, no embarcadoiro; ben facendo cigarros, ben fumando as propias cabichas. E ninguén se contaminou. Era outros tempos. Ergo do raíl e marcho para o barrio da Igrexa, o meu barrio.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 23 de marzo de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario