viernes, 28 de junio de 2013

A MAIOR DESGRAZA DO NOSO PAÍS


              Non hai maior desgraza para un país que a emigración. Non hai maior calamidade para unha persoa que a emigración. No noso país galego disto soubemos moito. E volvemos outra vez a sabelo abondo. Agora seica lles queren meter man ás pensións deses emigrantes que deixaron casa e familias porque o seu propio país non soubo mantelos. Primeiro o país botounos e, agora, o país intenta roubarlles o que acadaron con sangue, suor, bágoas, nostalxia, morriña, dor e miseria. Se nos queda un chisco de conciencia, non podemos permitir este abuso que intentan levar a cabo catro monos que non saben o que é deixar a toda unha familia nunha época na que non había nin guizos para atizar no lume. Estaba mal o que se ía (por iso marchaba), pero quedaba aínda peor o que quedaba. Porque, a maiores do mal que se vivía, un familiar ou dous ou máis deixaban de botar unha man nas labores desa casa que se afundía máis e máis. Agora queren sancionalos e, ante isto, queren que lembren aquela desgraza, aquela calamidade da emigración. Como se sentirá hoxe unha muller galega? E digo isto porque penso que foron as que realmente “sufriron” a emigración, as que tiveron que loitar contra unha miseria que se apoderou do noso país, da nosa sociedade galega. Agora outra estúpida, outra mísera decisión quere recordarlles todo aquilo.


              Maceda. Venres, 28 de xuño de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario