sábado, 15 de junio de 2013

NOSTALXIA DE CERTAS CAMISETAS


              A nostalxia é quizais o mellor título que se lle pode poñer á novela da miña infancia. Non sei se é porque un vai para vello, pero o caso é que cada vez máis a miúdo busco aqueles recunchos nos que está durmida a memoria dos anos sesenta e setenta. E aproveitando que subiu o Elxe á primeira división, aquela, a memoria, espertou nun deses recunchos e confeso que sinto cariño por este equipo de fútbol, por acordalo en primeira e pola súa camiseta. Había tres camisetas que me fascinaban naqueles anos; a do Elxe, a das Palmas e a do Córdoba. Pero a que máis, a que máis era a do Elxe… aquela raia verde horizontal, ancha, cruzada sobre o peito. Todos os demais equipos vestían coas típicas, ou sexa, tan só unha cor  e as de raias verticais. Pero a do Elxe era orixinal e bonita de verdade. A das Palmas destacaba pola brillantez da súa cor; toda amarela. E a do Córdoba, aínda que era tamén de raias verticais, eran doutra cor que non se daba nos outros equipos que levaban así; eran de cor verde. Ás veces por simples detalles sentimos cariño por tal ou cal equipo; eu confeso que sempre me gustou o Elxe polas camisetas. E estaba toliño para que subira de novo á primeira división e así ver de cando en vez esa camiseta que sempre me pareceu moi orixinal. Este ano conseguírono. Estou contento.


              Finca Fierro. Sábado, 15 de xuño de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario