viernes, 14 de junio de 2013

NA COMPRA


              Zaíra Castañuelas Contreras colle a cesta da compra e disponse a percorrer a supermercado. Con parsimonia. Con calma. Con parola. Como adoitan facer moitas. Mete garavanzos. Colle unha leituga, Analiza, estuda, repasa, palpa, sopesa un repolo. Toca parola. Cunha veciña. Ou cunha persoa calquera. A Zaíra Castañuelas Contreras dálle igual. O caso é latricar un chisco. Cando a veciña ou a interlocutora marcha, ela segue buscando produtos. O aceite de oliva. As patacas xa fritidas. Os xeados para as nenas. Cando chega á peixería, alí eternízase; mira, busca, pregunta, fai xestos ostentosos ante os prezos. Outra leria máis cun antigo mozo. Sorriso aberto. Pequenas cores nas meixelas. Pouco tempo. Porque axiña asomou a muller do antigo mozo e remataron as bromas. Zaíra Castañuelas Contreras despídese e acomoda os pensamentos naquel recanto no que estaban durmidos. Segue coa compra.


              Biblioteca da Valenzá. Venres, 14 de xuño de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario