jueves, 27 de junio de 2013

LISTO COMA UN ALLO


              A Edelmiro Ridruejo Cucharas quixéronlle dar gato por lebre, pero el ben viu que aquilo era un auténtico coello. A xente pensa que é parvo, pero, ás veces, aínda que o fai, é listo coma un allo. Claro que el sempre confundiu os allos coas cebolas. Non lle entra na cabeza o asunto do tamaño, por moito que saiba cando unha cousa é grande ou pequena. O tamaño importa, Edelmiro?, pregúntanlle moitas veces. A Edelmiro Ridruejo Cucharas ilumínanselle os ollos e contesta cun si sonoro, quizais algo esaxerado, porque pensa que a pregunta ten intencións.. Repito, aínda que o pareza, Edelmiro non é parvo. Ás veces fai o parvo. Cando lle puxeron o último prato, a sobremesa, quixéronlle meter melocotóns en caldo de azucre por flan caseiro, pero el ben viu que aquilo era queixo con mel. Rematado o xantar, deixou un euro na mesa e marchou. El si meteu un euro por vinte. Pensaban que Edelmiro Ridruejo Cucharas era parvo. Era listo coma un allo.


              Maceda. Xoves, 27 de xuño de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario