lunes, 24 de junio de 2013

O LOBO SOLITARIO


              Roza o ridículo aquel que pensa que a luz da lúa inspira o cerebro dun lobo porque oulea nas noites de lúa vella. Sempre houbo lobos que oulearon a todas as horas. Sempre houbo lobos que correron polas corredoiras na procura de femias para celebrar danzas de amor baixo o acubillo dunha manada. No silencio da noite danza un ouleo de nostalxia, de cando o lobo era animal de familia e agora vaga polos montes só e coa xenreira sobre o seu lombo. Oulea de novo o lobo solitario e esgaza o aire cun verso longo, triste, roto e cheo de silencio aínda que faga ruído, moito ruído. Ao lonxe ve a manada, e coa manada ve esa compañeira que anda buscando. Oulea de novo. Ninguén lle responde. Tan só o eco dun ouleo que volve unha e outra vez, sen piedade, con parsimonia, cunha mensaxe de soidade que se perde por entre as carballeiras. O lobo solitario mete o rabo entre as pernas, agacha a cabeza e pérdese polo monte sen facer ruído.


              Finca Fierro. Luns, 24 de xuño de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario