sábado, 22 de junio de 2013

LOA Á ALDEA DE CACHAMUÍÑA


              A pesar de que transitei e aínda transito pola estrada N-536, a que vai de Ourense a Trives, nunca me detiven Cachamuíña, nunca entrei na aldea de Cachamuíña. Pero o nome, o nome é o que me fascina de Cachamuíña. Esta palabra está na miña boca cada dous por tres. E podo dicir que o nome de Cachamuíña foi a contrasinal que mantiven con meu pai nos seus últimos meses de vida. Cando xa a peste do alzheimer se instalara nas entendedeiras do meu proxenitor, usei por varias veces o nome de Cachamuíña para facelo rir. Cando o puña a pasear polo corredor do piso ou polas beirarrúas da Finca Fierro, saltáballe con aquilo de: “veña, imos a Cachamuíña”. E facíalle graza. E botábase a rir. Agora, que xa non está, eu sigo a facer uso do nome de Cachamuíña porque me gusta e xa como homenaxe tamén a quen me criou. Sóltolle a calquera, que me vou, que me largo para Cachamuíña (cando na realidade vou para calquera outro lugar) e moitos axiña preguntan qué vou facer a Cachamuíña. Teño que dicirlles que é un nome que me fascina. E segundo o outro día confesaba que lle tiña cariño ao Elxe polas súas camisetas, agora digo que lle teño moitísimo cariño a Cachamuíña polo seu nome; a pesar de que nunca me detiven en Cachamuíña, de que nunca entrei en Cachamuíña… pero é “o meu Cachamuíña”.


              Finca Fierro. Sábado, 22 de xuño de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario