miércoles, 14 de agosto de 2013

MEDO POLA TERRA


              Terra que ferve baixo a sentenza dun prexuízo. Pedra que racha ante o impulso dun golpe escrito con rabia e demasiada maldade. Podremia nas cadeiras dos que mandan. Calos que pican nas plantas dos pés dos que camiñan a cegas. Estacas que se cravan nesa terra branda e dura, impulsadas por unhas mazas soberbias e ditatoriais. Versos rotos nos poemas de catro urbanistas que pensan que defenden o rural. Monte que chora bágoas de nostalxia, de cando os niños tiñan vida e de cando os nenos andaban ós niños. Vacas que abeiran con tan só sentir un tabán e burros que se perden polas corredoiras dos muíños. Hai medo na repartición dunha terra abandonada, que sofre, que se esquece. Pero xa rematou o tempo das loitas por unha terra que rebenta, por un asubío que viaxa por entre centos de animais. Hai quen soña cunha gabardina empapada de auga, mentres as gavelas dos toxos fan unha carrada para que o eixe cante pola vida dos tempos pasados.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Domingo, 11 de agosto de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario