viernes, 16 de agosto de 2013

A VANTAXE DOS LIBROS


              Empezo a gozar de novo coa lectura! Levo uns dous meses ou algo máis dedicándome de cheo a tragar páxinas e máis páxinas de libros, e xa me sinto outro. Ata agora dediqueille moito tempo ós xornais, que se pode dicir que me mantiñan ocupado todo o día. Pero eu ben vía que os periódicos dábanme todo máis ou menos feito. Si, tamén os libros che dan practicamente todo feito. Pero neste, a vantaxe é que, aínda que che dan todo feito, ti vas imaxinando eses actos, poslle cara a eses personaxes e utilizas a memoria fotográfica para as paisaxes, para as cidades ou vilas. Non podes facer iso cun periódico. Se o artigo fala de Rajoy, non podes imaxinar a súa cara porque xa a coñeces de memoria, se les algo sobre a corrupción é imposible imaxinar ós ladróns porque se reflicten no espello da memoria os de sempre. Empezo a conformarme cos titulares, subtítulos e algún que outro artigo que me parece interesante para rematar os xornais en pouco máis dunha hora. Despois, as novas da radio e a televisión tamén axudan a estar ó día. Así é que o resto do tempo que teño libre, zas!, libro vai e libro vén. E case sempre paseando, como é habitual en min. Baixo para a beirarrúa para non oír as televisións da casa. E leo. E imaxino. E sorrío. E choro. E gozo. E son feliz.


              Finca Fierro. Venres, 16 de agosto de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario