Coa
música de fondo que Ry Cooder compuxo para a marabillosa “París, Texas”,
escribo. Escribo que en Irlanda xulgaron ós banqueiros que fundiron a economía,
mentres en España estamos a pagar 2.300 euros cada español polas axudas á
Banca. Tamén é verdade que se dixo sempre que España é diferente. Home claro! Escribo
que non hai quen se meta co PP. A proba tena un garda civil destinado en Bande,
que como seica “achuchaba” (legalmente) á deputada Ana Belén Vázquez e ó seu
marido (alcalde da vila) con multas por mal aparcamento dos seus vehículos,
agora está a piques de ser substituído polo Ministerio do Interior. Pobre
infeliz!, a quen se lle ocorre meterse coas dereitas. Mentres a guitarra de Ry
Cooder se queixa, escribo que un hotel asturiano actuou de mestre ante a
madrileña Esther García recomendándolle non incluír o galego como mérito cando
se achegou a buscar traballo. Mais o que me choca realmente da noticia é que o
medio de comunicación no que lin a nova non puxese o nome do hotel (quizais por
iso da publicidade gratuíta?), pois creo que nestes casos é precisamente cando
hai que sinalar ós culpables para que así os demais actuemos en consecuencia,
que no caso dos galegos sería, faltaría máis!, facéndolle boicot ó “marabilloso”
hotel.
Finca
Fierro. Sábado, 19 de abril de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario