jueves, 10 de abril de 2014

QUE NINGUÉN SE SINTA CULPABLE


              Rebéntame a cabeza con catro ladrillos vermellos e dous paus de castiñeiro. Despois entérrame no cemiterio parroquial de San Emiterio Crisántomo. Non quero responsos. Nin flores. Quero unha inscrición que diga que o espírito maligno déitase no bulleiro dos camiños. Non quero rezos. Nin recordos. Non me desgusta que alguén acougue sentado sobre a miña tumba. Non quero aniversarios nin lamentos. Quero unha lápida do penedo de Suatorre e unha cruz de madeira dun carballo da Costela. Non espantedes ó can que veña mexar á miña beira. Hai necesidades que a un morto nin lle van nin lle vén. Rebéntame o corazón cunha estaca de salgueiro. E que ninguén se sinta culpable de mandarme a un descanso eterno. Que carallo, despois de morto aínda lle darei guerra a algún can de palleiro, cando empece a furgar na procura dos meus ósos... que aínda albergarán veleno. Rebéntame o segredo da saudade. E que ninguén me recorde. Quero ser un morto na conciencia do esquecemento.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 3 de abril de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario