lunes, 7 de abril de 2014

MEDO NO SILENCIO


              Ruído de disparo no silencio da noite. Medo na aldea. Quen anda a facer a guerra pola súa conta? Ouleo de cans para seguir coa inercia do estoupido. Corpos que se arrecunchan nas camas e minutos nos que moita xente deixa de respirar. Ninguén quere facer ruído. Anda o demo buscando algo polas palleiras. Quen é capaz de atopar un sedeño para prender os lamentos? Medo no silencio. Emporiso, uns ollos de rapaz son quen de contemplar unha sombra que se move polas rúas empedradas. Ollos que se abren de asombro ante o tamaño da escopeta. As costas do rapaz péganse á escuridade da noite. Quere flotar para non facer ruído. Medo no silencio. Mais non retrocede; segue coa ollada e acochándose entre sombra e sombra ó individuo que, fachendoso, busca algo para romper ese silencio nocturno. Outro ruído de disparo no silencio da noite. Nin o individuo sabe a qué lle disparou. Nin o rapaz colle folgos para fuxir; queda quietiño, respira moi devagarciño e reza para que o medo non faga ruído. Medo no silencio.


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 3 de abril de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario