Cae o mosquito no prato do caldo.
Honorato Sondaxe Sonda afúndeo no líquido abrasante. O que non mata, engorda. E
segue mirando a película “Blade Runner” sen pestanexar. O caldo fumega. Honorato
súa. Non sabemos se pola fervura da sustancia ou se pola angustia claustrofóbica
da película. A muller quere dicirlle algo, mais ó velo tan concentrado
(mascando no caldo e contemplando o filme de Ridley Scott), non se atreve.
Honorato Sondaxe Sonda ten arranques violentos. A súa dona sábeo. Pero tamén
sabe como domalo. Niso, ata o home recoñece, á fin, que quen leva os pantalóns
postos na casa é ela. Por moito que el lle berre ou por moito que se alporice.
Polas verzas do caldo asoma outro mosquito máis. Morto, escaldado. E comido,
como non. Por Honorato Sondaxe Sonda que volveu afundilo para nono ver. Ollos
que non ven, corazón que non sente. Honorato sorrí ante os seus propios
pensamentos. Que lle roldará pola cabeza, pensa a súa muller. Porén, non di
nada e deixa que o seu marido siga ó seu, ou sexa, a comer sen sentir e a ver a
Rutger Hauer.
Café Aitana 39 da Valenzá.
Mércores, 2 de abril de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario