viernes, 4 de abril de 2014

O BULEBULE DUN TANGO


              Aínda penso no escornabois que me escornou de cando o bulebule dun tango me fixo bailar sobre unha aguillada de bidueiro. A aguillada leva no extremo máis delgado un aguillón (que é unha punta de chancas) para picar nos animais cando non queren andar. Eran tempos de cando se xunguían as vacas. Roxe a folla do amieiro no medio do silencio e o sapoconcho chíscalle un ollo á sinal que hai no medio e medio da Pitediña. Anuncia que se entra en Baños de Molgas, a vila que está pero que, hoxe en día, ninguén sabe dela. Pena de interese! Co bonito que sería vela medrar, vela rexurdir das cinzas da indiferenza, do silencio. Ninguén mete ruído. O silencio é o mellor bálsamo para que a calma aniñe na contorna. Polo río Arnoia van as troitas de pé; mais ninguén se atreve a correr. Por Barricobos ouleaban os lobos e croaban as ras para rachar o silencio. Non hai lobos nos montes de Baños de Molgas nin ras nas auganas do Arnoia. Hai cordeiros que balan coa nostalxia deitada nas carrancoñas das Mestras.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 1 de abril de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario