Non hai moito escribín sobre as mortes dos nenos nas guerras, no gran
holocausto que se comete con eles. Certo que é unha bestialidade e que non
existe ningunha escusa para rebater tal barbarie. Non obstante, e se alguén
quere achar, atopar unha fenda a esa masacre inocente e infantil, pode usar o
termo “danos colaterais”, e a ver se así lle queda a conciencia máis tranquila.
Pero axiña se atopa un con actos que non teñen nada que ver con danos
colaterais e nos que, como non, seguen morrendo os máis indefensos. Como por
exemplo, o outro día en Paquistán o terror talibán cebouse coas criaturas. Nunha
matanza que levaron a cabo, dun total de 141 persoas, 132 eran escolares, ou
sexa, cativos. Semella que seica foi unha simple vinganza. E claro, foron polos
máis débiles. Para que lles fose máis fácil.
Tampouco é necesario fochicar nas guerras para seguir atopando mortes
infantís. O venres pasado, dos nove inmigrantes que se afogaron cando quixeron
cruzar a España, tres eran bebés. Onde si é necesario fochicar é na conciencia
de algunhas persoas, e con maior motivo se esa conciencia pertence á propia
familia. Tamén o venres, unha nai australiana matou a oito nenos a puñaladas
(sete eran seus). Sinceramente, non sei cómo lle podo chamar nai.
No hay comentarios:
Publicar un comentario