Teño varias ducias de libros
escritos, pero a miña nugalla é tan grande que, non é que non intente
publicalos, é que xa para un que rexistrei en Madrid tivo que levarme arrastras
unha compañeira de traballo. O motivo de non rexistralos: a nugalla e o medo ó
papelame cos seus correspondentes paseos. Por iso admiro tanto a esa xente que,
co primeiro, e sen axuda de ninguén, lánzase á aventura e publican. Levarán a
procesión por dentro, pero fan de tripas corazón e lánzanse a un traballo
esgotador. Si, esgotador; porque publicar un libro pola túa conta ten que ser
un crebacabezas de moito coidado e, imaxino, que un bo golpe para as arcas
económicas do seu peto. E se non que llo pregunten a Marta Sebastián Pérez.
Escritora aínda nova que naceu en
Madrid, pero, por suposto, molguesa (a ver se...), que se lanzou ó pozo sen
fondo da aventura literaria e coa intención de publicar a súa primeira novela,
“Remendos do pasado”, e... conseguiuno! Non hai moito presentouno na libraría
Eixo da nosa cidade.
Como non ía conseguilo sabendo
logo do currículo desta rapaza! Unha rapaza que, de golpe a porrazo, no
mellorciño da vida e cando practicamente tiña esta resolta, vai e colleu as
maletas, os trebellos para largar a Mozambique. A Mozambique!, alá no quinto
carallo africano ou no cu do mundo, a case oito mil quilómetros en liña recta!
A quen se lle ocorre! Fixo primeiro, iso si, parada e fonda nunha vila de
Barcelona durante seis meses para formarse un chisquiño como voluntaria dunha
ONG. Como un cu inquieto, xa estaba no país africano, onde botou outros tantos
meses ensinando e enriquecéndose. Porque eu son dos que digo que un país deses,
que unha vida nun país deses ten que enriquecer moito. Alí formou profesores e
crearon unha gardaría para nenos orfos da aldea. A maiores, e como imaxino,
axudaron en todo o habido e por haber. Ata agora só tiña na cabeza o detalle
das novenas dos Milagres, onde se dicía que tal ou cal cura viña das misións en
África ou América Latina. Por fin coñezo a unha auténtica misioneira! Porque hai
que ter bemoles para deixalo todo e marchar de voluntaria a Mozambique, sendo
muller e noviña.
Marta Sebastián Pérez estudou
maxisterio de inglés na universidade de Alcalá de Henares, fixo o parón de
Mozambique e de Barcelona (porque ó volver do país africano seguiu un ano máis
coa ONG na vila barcelonesa), e agora xa volve estar estudando Pedagoxía pola
UNED, a universidade a distancia.
Marta non lembra realmente cando
empezou a escribir, pero si sabe que ós 10 anos xa enzoufaba, enlarafuzaba
cadernos con historias nas que, por suposto e normal (era unha nena), ela e as
súas amigas eran as auténticas protagonistas. Ela mesma confesa que quizais
empezase a escribir antes que a andar e a soñar antes que a ver. Neniña, sigue
escribindo e soñando para que nos fagas fantasiar tamén a nós con esa cabeciña
que tes, tan inquieta pero tan ben amoblada. E como son cinéfilo métome na
“Guerra das Galaxias” para dicirche “que a sorte te acompañe”. De verdade que a
mereces.
Agora, a editorial Tagus (unha
desas que publican en formato dixital) xa lle prometeu que “Remendos do pasado”
sairá no próximo xaneiro, aí, á volta da esquina. Seguro que será todo un
éxito. Ten que ser un éxito para que nos siga recompensando con máis remendos
ou con máis cosidos. É igual; o caso é que as súas palabras formen un traxe co
que nos sintamos a gusto.
Café Oren Express da Valenzá.
Martes, 10 de novembro de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario