Xa pasaron. As primeiras festas xa pasaron. Quedan as segundas
e as terceiras. As segundas, Noitevella e Ano Novo. As terceiras, os Reis.
Aínda que estas xa non son como as outras. As primeiras xa pasaron e quen sexa que vaia con elas. Moito
sentimentalismo e creo que pouca alegría. O que máis, o que máis: moito
bandullo. Un come e come ata que acaba farto de todo. Sinceramente, son festas
para escarallar o corpo. Para algúns son festas, convértense en festas
demasiado tristes. Hai que recoñecer que as desgrazas, nestas datas,
impresionan máis e, por suposto, lembraranse moito máis. Oxalá, xa todos,
poidamos pasar moito mellor as segundas festas.
Fóra das festas, queda o discurso do Rei… que nin vin nin
oín. Para que? Queda, agora si, a guerra aberta entre uns cantos partidos para
intentar formar Goberno. Si, creo que o de guerra aberta está ben escrito. O de
negociacións paréceme moi simple e moi mentirán. Aquí os trastes, as couces
farán máis que voar. Hai couces nos propios partidos, imaxinade a película
entre eles. Os tirapuxas axiña se converterán en dardos que se cravarán en máis
dunha cabeza e en máis dalgunha idea. Os ruxerruxes de antano serán auga de
bacallau: se che dixen aquilo, agora dígoche isto; se che digo isto é porque
aquilo era un dicir. E o que é peor; que aínda queda moita tela que cortar.
Imos ver quen a corta…
Finca Fierro. Venres, 25 de decembro de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario