domingo, 27 de diciembre de 2015

OPTAMOS POLO DEMO


              Quere o demo ser balcón na casa da nostalxia compartida, pero só é porta nos soños fríos dun inverno solitario. Ergue o rabo, ensina os cornos e todos corremos espavorecidos por unha vida que se vai e por uns tempos que quedan. Non sempre o demo é inimigo nunha tarde de soidade e silencio. Algúns pecamos coa esperanza de velo de cor vermella. Cada pecado é unha lapa de ansiedade e cada confesión é un inferno que arde no seu mundo de incompetencia. Caemos de xeonllos e estes tan só sangran ante a indiferenza dun ser que non nos fai caso. Optamos, entón, polo demo.
              Quere o demo ser bolboreta nas flores do xardín cheo de bulleiro, pero só é pegada que delata o paso do tempo. Cada marca é un suspiro de impotencia e cada suspiro é un latexo de maldade que chouta dos ollos que botan lume. Hai fogos que queiman a memoria colectiva dun soño. Ás veces a memoria arde entre as liñas dun caderno e a cinsa marca os desexos que quixeron ser e non foron. Todo se queima no inferno dun poema mal escrito e dun ser que mete medo.


              Café O Chicote da Valenzá. Domingo, 27 de decembro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario