viernes, 11 de diciembre de 2015

POR MOITO QUE NON QUEIRA…


Metade de mes. Metade de campaña electoral. Menos mal que estou cumprindo o que, máis ou menos, me prometín: que nin caso á campaña. Ata no feisbuq lancei o aviso de que ninguén se sentira ofendido se non daba os Me gusta e se non Comentaba nin Compartía nada. Eu sei quen son os meus. Sei a quen vou votar. Moitos saben as miñas ideas. Así é que vaia trapallada se teño que seguir todas as mentiras que se contan estes días. Todo, en demasía, cansa. Imaxinade a política. Polo menos para min. Non leo as noticias dos mitins. Non leo os caderniños ou páxinas especiais que se lle dedican á campaña. E, por suposto, moito menos, faltaría máis, vexo os debates televisivos. Se os vise, estou por apostar que me cabrearía; e co bonito que é ver unha película. Con ela soño. Nela son o artistiña que conquista á máis fermosa do baile (por moi feo que sexa eu, que o son de carallo) ou que liquido nun lóstrego ó malo malísimo. No debate intentaría matar ó malo malísimo da política española, aínda que non estivese presente; por exemplo, só é un exemplo. Pero si, aínda queda esta semana, que por moito que non queira, sempre hai restos que chegan ós teus oídos ou ós teus ollos: comentarios da xente, titulares en grandes letras, carteis en contedores, carballos (pobres carballos), portas das cortes, ata no feisbuq non queda outra que mirar para as fotos que soben. Que todo sexa por eses que a viven intensamente… á conta dos pombos. É un dicir.


Café O Chicote da Valenzá. Venres, 11 de decembro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario