viernes, 18 de diciembre de 2015

POR QUE DICIMOS PROSMADAS?


Vaime custar completar este recuncho. Por que estou canso e, sinceramente, non me apetece moito escribir, cústame pensar. Logo, para máis aquel, sobre o que realmente se podía escribir esta semana é sobre as eleccións (lembrade que isto escríboo ós venres ou, como máis tardar, ós sábados), pero estas xa pasaron, e agora mesmo, non sei que aconteceu. Certo que, referente a isto, podo botar man do hostiazo de Rajoy. Se quero, o asunto dá para este recuncho e para moito máis. Pois, si, vou ir con el. O hostiazo a Rajoy demostroume o hipócritas que somos: todos desculpando esa faena, que iso nunca se fai, que a violencia tal e que a barbarie cal, pero estou por apostar que a metade ou máis alegrouse de  que levara ese hostiazo. Así é que, por que demo dicimos prosmadas? Hoxe mesmo (venres) xa lle oín dicir a unha persoa o seguinte: “agora mesmo daba 50 euros por outro hostiazo”. Por outra parte; por que se lle dá tanto bombo, cando hai uns días lle deron unha malleira a un concelleiro de Podemos (en Canarias, creo que foi) e ó instante morreu o conto? Unha terceira cuestión: por que se quere politizar tanto o hostiazo? Pensade un chisco. Quen lle deu o hostiazo? Un rapaz de 17 anos. Penso no meu fillo de 17 anos e seguro que non ten nin idea das dereitas, das esquerdas, dos conservadores e dos progresistas. Non creo que o rapaz lle dera o hostiazo a Rajoy polo asunto político; para min foi tan só por fachendear ante os amigos. É como se se lle dá por zouparlle a unha papeleira ou a un farol da luz. Non me apetecía escribir, pero… como un laretas.


Finca Fierro. Venres, 18 de decembro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario