miércoles, 30 de diciembre de 2015

POIS SE CHOVE, QUE CHOVA




               Por fin choveu en condicións! A chuvia pode caer de moitas formas. Pode chover en tromba. Pode chover en marmañeira. Pode chover sarabiada. Pode chover de ballón. Pode orballar. Pode chuviscar tan só. Pode arroiar. Ata pode chover porque lle dá a gana. O peor é se chove para facer mal. Entón é mellor que non chova. Pode chover para que te molles. Pode chover para que te cubras cun paraugas ou cunha gabardina, e ata cunha coroza das vacas. Pode chover para que te cabrees. Porque, é ben certo que a chuvia, aínda que sexa necesaria, é moi molesta. E senón que llo pregunten a aquel que vai esquivando paraugas polas rúas ou pingueiras dos canlóns. Que llo pregunten a aquelas nais que teñen que saír de paseo (ou facer recados) co cativo que aínda vai en cadeira. A chuvia é bonita. Cando estás a cuberto. A chuvia é necesaria. Case sempre é necesaria. A chuvia é molesta ata cando conduces. Porque se empanan os cristais todos do coche. Porque non sabemos conducir cando chove. A chuvia é bonita, é necesaria, é molesta, é mollada, é fresca. Pois se chove, que chova.

               Café Bran de Ourense. Luns, 28 de decembro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario