Os tronos retumbaban por enriba
das súas cabezas, pero Manasés Esqueche Malén e Úrsula Osiña Peinador non tiñan
medo. É máis, en cada retumbar rían a cachón e axiña abrían a boca abraiados
ante a luminosidade dos lóstregos. Detrás de cada lóstrego chegaba un trono.
Eran moi cativos pero sabían isto. Os dous facían boa masa, conxeniaban incluso
desde que empezaran a gatear. Vivían porta con porta e semellaba que estaban
predestinados a ser máis que amigos. Manasés era tan só un mes maior que Úrsula,
aínda que esta parecía máis espelida. Agora, ós cinco anos, mirábanse ós ollos
e ríanse, tocábanse e ríanse, falaban e ríanse. Facían boa masa.
Os lóstregos alumeaban o ceo da
capital e eles seguían coa boca aberta e ríndose a gargalladas. Non lles
preocupaba a auga que empezaba a caer xa con forza, e a pesar de que se estaban
empapando. Como cativos que eran, non lles preocupaba o resgardarse. Eran
felices mollándose. Eran nenos. E como tales non pensaban no día de mañá. Ou si,
pero coa idea de volver estar xuntos, de volver rir e chorar. Manasés Esqueche
e Úrsula Osiña facían boa masa.
Café O Chicote da Valenzá.
Domingo, 27 de decembro de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario