Unha vez máis hai que sacarse o sombreiro ante Valle-Inclán
por ser o gran descubridor ou o gran publicista do esperpento. Porque hai que
recoñecer que somos un país esperpéntico. E polo que se ve o tal esperpento
alcanza a todas as profesións ou actividades habidas e por haber. Chega ata o
propio fútbol. Caso Cheryshev. A un equipo como o Real Madrid. Eu entendería
que fose un despiste se acontecera nun equipo modestiño onde, por exemplo, é o
propio presidente o que se ten que encargar de todo, ata de zurcir ó mellor as
medias dos xogadores e non pensaría en se algún xogador ten ou non tantas
tarxetas amarelas. Pero que todo un Real Madrid non saiba da misa nin a metade,
iso xa é máis que esperpento. Pois aínda así, algúns sóbense polas paredes ante
a eliminación do equipo branco da Copa do Rei. Coincidiu de que esa mesma noite
vin un cacho de faladoiro na televisión sobre o acaecido e ese… periodista? chamado
Roberto Gómez pedíalle consideración ó Cádiz para que non denunciase a aliñación
do xogador madridista. A can fraco, todo se volven pulgas; non chegaba que lle
marcara gol un que non podía xogar, senón que, segundo Gómez, cómo vai quedar
eliminado todo un Real Madrid por culpa dun simple despiste. Para un servidor,
que ben fixo o equipo andaluz… sacou tallada co Madrid e, se ten sorte, pode
sacar outra se lle toca outro grande. Para unha vez que pode soñar esperto…
Finca Fierro. Venres, 4 de decembro de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario