viernes, 18 de mayo de 2018

AS SONATAS DE BEETHOVEN

Quizais é certo que a distancia que vai daquel sinal que pon que hai que ter un pouco de sentidiño ata o outeiro que ten forma de peito de muller é a mesma que a que nos leva desde a adolescencia ata a madurez dos pensamentos. Metro arriba, lembranza abaixo.
Ata poida que sexan as sonatas de Beethoven as que te leven pola nostalxia dos tempos que foron e xa non son. Que tempos aqueles nos que o silencio era silencio e o ruído tamén se volvía silencio. Cruzabas a nado os ríos da morriña e choutabas por entre as toxeiras da infancia. Que tempos aqueles nos que unha nube branca quedaba colgada para ler unha novela barata. E o chegar a noite xuntábase o cantar do grilo coa candea do verme luceiro. Hoxe xa case non hai vagalumes. Por non haber non hai nin tan sequera memoria, nin tan sequera recordos. Só as sonatas de Beethoven te levan polas congostras dos días eternos... e escravos. Miseria na punta dun pensamento, mingalla na fame dun neno. Quizais é certo que vivir sen vivir é como escoitar sen oír. Verso arriba, parágrafo abaixo. E que ninguén dubide de que as sonatas de Beethoven son tristes. Porque realmente son melancólicas. E a melancolía é o pracer de estar triste.

Finca Fierro. Venres, 18 de maio de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario