Cando vou no coche tan só acostumo
escoitar as noticias ó ir ó traballo, é dicir, entre as sete e
cuarto ou e vinte e as oito menos cuarto. Despois, se me acordo e me
coincide, nas horas en punto procuro poñer o dial nelas. Pero tan só
para escoitar os titulares. Ditos estes axiña me dedico á música,
porque a política abúrreme, cánsame e cabréame.
Non obstante, o venres, pola
tarde, e non sei se foi mentres cambiaba un CD ou porque coincidiu no
momento de que cando acendín
o coche tiña a radio posta,
o caso é que oín algo de alguén que dicía que había moitas máis
mortes por violencia de xénero que as cometidas por ETA (entendo que
estaban a falar do final de etapa desa organización terrorista),
pero que, polo que fose, non se lle estaba dando a importancia que se
merece. Ó momento xa estaba
poñendo música, pero hai que recoñecer que ese alguén tiña
razón, principalmente
no da cantidade das mortes. ETA é certo que matou a moitos, pero é
que por violencia de xénero... ufff, asusta ata pensar
no número das
vítimas.
O de
matar, sexa polo que sexa, vennos no instinto. E na maldade. Moitas
veces porque se cruzan os cables. Pero desde tempo inmemorial somos
propensos a matar, e a matar, e a matar. Polo que sexa e de calquera
maneira; con motivo ou sen motivo; por
trapos ou por farrapos. O
caso é matar desde que o
mundo é mundo. Teño un exemplo á man acaecido no mes de xaneiro de
1912, cando a Garda Civil de Maceda detivo no seu propio domicilio a
María, a Elena e a Bernardino Cid Guede, irmáns, naturais
e veciños da Venda, parroquia de Betán, concello de Baños de
Molgas, por supoñerlle á primeira, autora dun infanticidio, e ós
demais como cómplices, os cales axiña os puxeron a disposición do
xuíz de instrución. Non sei se no 1912 A Venda pertencía á
parroquia de Betán; hoxe sei que pertence á de Cantoña. É igual;
haxa erro ou non nese xornal galego que publicaba a noticia o 28 de
xaneiro, o caso é que aí temos un exemplo de... maldade?, cruce de
cables?, descontrol? Porque
non debe ser fácil matar a un cativo, case sempre ó teu propio
cativo. E non obstante, nin foi o primeiro caso nin, por desgraza,
será o último. Porque seguimos levando o demo metido no corazón.
Finca
Fierro. Venres, 4 de maio de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario