miércoles, 30 de mayo de 2018

SON O QUE SOSTEÑO O MUNDO

Sinto angustia ante o que levo feito e o que se me vén encima. Fago e desfago todas as tardes e mañá segue tocando faena. Non paro. Son o que sosteño o mundo.
O mundo no que unha bolboreta vai e vén de flor en flor. O mundo no que unha rula contempla os sentimentos que se están a escribir. Ás veces sinto que estou e non estou, que asubío e que canto, cando na realidade tan só penso por entre as cepas da nostalxia. Son o que viaxo polo espazo sideral no que unhas vides medran e medran para que un servidor se angustie ó facelas prisioneiras. Son eu e non outro calquera. Son o que converso con retrancas platónicas ou con sentimentos platónicos cheos de retranca que, máis ou menos, é o mesmo. Son eu e non outro calquera. Cando a rula canta, o pombo mira para ela e pensa que a melancolía consiste en instalar a aquela na punta dunha estrela. Ó final o pombo non é tan pombo. Ó final o pombo sente ansiedade por un futuro incerto (ou feliz, por que non) que pode ir moito máis alá do universo infinito ou do mar calmo. Son eu o que sosteño o mundo. Porque fago e desfago. Por todo o que levo feito. Polo que está por facer. Hai que axeitar tantos pensamentos! Hai que amansar tantos sentimentos!

Finca Fierro. Mércores, 30 de maio de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario