martes, 15 de mayo de 2018

PREGUNTÁDELLE A DAVE DOUGLAS

Tira a pedra. Esconde a man. E escapa. Non vai ser que o gaio se volva contra ti e te deixe a velas vir. A trompeta de Dave Douglas asoma pola cociña mentres unhas entrañas buscan algo para dicir: aquí estamos. Non todos os días se pode acantazar a alguén. A ver, é un dicir. Por nada do mundo quero que saia alguén ferido.
Chegan ben xa as propias feridas que leva un en por si. Porque nesta vida hai feridas. E si, hainas que cicatrizan. Pero tamén as hai que non sandan nunca. Ó pan, pan e ó viño, viño. Dixo aquel. Eu que sei quen! Preguntádelle a Dave Douglas. É igual, o caso é esbardallar co seu jazz. Non hai como asubiar por entre a néboa da mañanciña ou cantar desde calquera solainiña. Mira para adiante. Deixa o que hai detrás. E ponte a loitar polo que está por vir. O pasado xa só queda en recordo e o único que fai e bulir ou ferver na memoria. E todos sabemos que, esta, ás veces, tamén vai e vén como un viraventos. Normal, temos memoria para o que nos convén. Cando non nos axeita miramos para o lado dereito ou de esguello para o esquerdo. A cousa ten o seu aquel. Que cousa? Que aquel? Vai ti saber! Preguntádelle a Dave Douglas. Deixa a pedra no chan. Camiña firme e dereito. Que todo ten a súa fin. Creo que dixen ben.

Finca Fierro. Martes, 15 de maio de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario