sábado, 5 de mayo de 2018

LOLY VILLOCH, FOTÓGRAFA DE METÁFORAS

Xeralmente, a xente exprésase falando. Despois hai outra que o fai escribindo (eu mesmo, pois aínda que son un laretas, sei que me expreso mellor co bolígrafo), hainos que usan a expresión por medio do cine, ou da pintura, ou da música, ou de calquera outra arte. Loly Villoch, maiormente, usa a fotografía. Maiormente, porque tamén debuxa, tamén escribe contos, tamén fai maquetas, tamén realiza cómics, tamén esculpe figuras, tamén imparte talleres sobre creatividade fotográfica, e tamén dá guerra no mellor sentido da palabra. Dou fe diso. Téñoa no feisbuq e é unha activista a tope. Esta xente “guerrilleira” encántame, sempre me encantou.
Loly Villoch presentou o venres, 13 de abril, na libraría Eixo, a súa exposición “Metauniversos cotidianos”, acompañada por un fotolibro coas súas 44 fotos e unha exposición de 29 polas paredes da Eixo que nos deixou coa boca aberta. Á súa beira estaba Gabriel Aúz, que foi o que abriu o acto falando, claro está, da protagonista deste Testemuñas e gabándoa de tal maneira que ata confesou cousas que ruborizaron a Loly. Esta seica non é moi partidaria de confesar a súa formación académica, “porque son unha persoa moi modesta e non me considero máis que ninguén por ter máis ou menos estudos; e tampouco me sinto tan representada niso; estudei moito pero foi principalmente por afán de coñecemento, non para poñelo nun currículo”, segundo me confesou máis tarde nun correo electrónico. Detalle que a honra, porque podía moi ben presumir das súas catro carreiras e dos seus sete idiomas.
As súas fotos reflexionan sobre os roles das mulleres e da necesidade de rachar con eles. Loly Villoch parte dos espazos máis íntimos e persoais, algo que amosa nas fotos usando a súa propia casa ou as dos familiares. E bota man da metáfora para falarnos de desigualdade entre homes e mulleres, que a houbo sempre, que a hai e que, imaxino, aínda seguirá por moito tempo. A fotógrafa, coas súas metáforas, amosa, simplemente, a vida. O proxecto partiu dunha foto que todos os que a viron notaron unha certa intimidade: unha nai bañando a unha nena, a súa filla. Enfoque dunha perspectiva feminista. E a partir desa foto creo algo así como un storyboard ou guión gráfico.
Tal historieta levoulle un ano, xa que traballou sobre bosquexos nos que anota todo, desde as cores ata a luz e pasando pola vestimenta. Sobre esta confesou que a súa propia nai lle botaba de cando en vez unha man. (O de sempre: unha nai sempre é unha nai) Tivo que encargar incluso figuras fóra do noso país. Fixo á protagonista tan real, que a tal Rosa non é outra que a súa propia bisavoa. A primeira foto, claro está , ensínanos a Rosa de nena. E a partir de aí toda unha vida por diante na que vaias metáforas nos van ensinando o noso devir, a nosa sociedade, a enorme diferenza que hai nunha “presumible” felicidade matrimonial. Ó final, Rosa séntese tan esgotada, tan infeliz que se mira ó espello e non se recoñece. Normal, casara cun moble, como a maioría dos matrimonios, nos que ela traballa e el mira como traballa ela.
Loly Villoch Bañobre naceu na Coruña o 23 de novembro de 1978. Conta polo tanto con 39 anos. Leva facendo fotografía 30 anos, desde os nove, aínda que ó principio dun xeito moito menos profundo. A ver!, unha nena por moi madura que sexa, non é unha persoa adulta, é simplemente unha nena. “Cando era moi pequeniña, meu pai tiña unha cámara réflex analóxica e saía con el a darlle ó clic clic”, e cando remataban tocaba o revelado no cuarto de baño da casa e entre os olores dos líquidos e o ver como empezaban a asomar as imaxes naceu aí o seu amor pola fotografía. Aínda que estudou algo desta arte, a súa formación chegou a base de práctica e máis práctica, e algún que outro cursiño pola súa contorna. Axiña empezou a participar en eventos fotográficos e a coñecer xente relacionada con esa arte.
Ata hai uns anos non ensinaba a obra que estaba construíndo, pero cando se incorporou ó Fotoforum Compostela empezoulle a amosar o que facía a outras persoas e, estas, claro, animárona a ensinar a súa arte, que é moita. Con Fotoforum Compostela participou en oito exposicións colectivas. Tamén participou noutra exposición de fotografía submarina, en concreto no 2015. E agora xa ten varios traballos fotográficos rematados. O primeiro deles, Underwater, amosa esa marabilla de seres vivos que se agochan no mundo submarino. O segundo, Paisajes Efímeros, trata da relación entre o home e a natureza. E o terceiro é este que acabamos de presentar.
Como non para, xa anda coa segunda parte de Underwater e está traballando cun proxecto con bonecos a escala que seica tratará sobre mulleres viaxeiras e o turismo tipo “praga de langostas” que fai tanta xente hoxe. E anda con algo de autorretratos e coas emocións que producen as distintas obras dun autor xaponés de banda deseñada. E anda, e segue, e non para. Loly, non pares, que dá gusto contemplar as túas obras.

Café América de Celanova. Venres, 20 de abril de 2018

Publicado en La Región o sábado, 05-05-2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario