lunes, 21 de mayo de 2018

NIN POR ESAS!

A Igrexa é unha institución ou organización que impón respecto. Aínda hoxe. Pero imaxinade no 1912, por exemplo. Pois ben, sempre hai alguén que, por enriba dese respecto, anda a buscarlle tres pés ó gato, é dicir, que non lle mete ningún medo nin a Igrexa nin quen goberne a Igrexa. A principios de maio de 1912, e segundo unha crónica que apareceu nos xornais o día doce dese mes, ó cura párroco de Baños de Molgas, don Camilo Pérez Alonso, roubáronlle unha pequena cantidade de cartos e unha escopeta de dous canóns. O ladrón ou ladróns seica entraron na casa reitoral por unha ventá. Sabido o feito, alá se presentou a Benemérita de Maceda, e como xa teño confesado noutros relatiños, eran listos de raio, porque axiña empezaron a sospeitar que non foran varios asaltantes, senón un tan só, ó que logo lle puxeron nome: o veciño José Garrido Quintas. A Garda Civil tomoulle declaración e nun dicir amén xa o detivo e puxérono a disposición do Xulgado de instrución do partido. Agora ben, ós ministros da Igrexa non lles chegaba xa co respecto (ou sexa, co medo) que lle tiñan os fregueses, se non que, por se aquel, coidadiño!, escopeta ó lado. E de dous canóns, non vai ser que... Pois nin por esas!; roubárono igual.

Finca Fierro. Domingo, 20 de maio de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario